AVISO LEGAL

10 xuño 2013

Banco de libros

                                                                                                                                                          Oleiros, Xuño de 2013

Estimadas familias,

Tal e como vos adiantabamos na circular enviada o pasado mes de maio, dende a ANPA Miguel Hernández do I.E.S. Miraflores comezamos este ano un novo proxecto, o "BANCO DE PRÉSTAMO DE LIBROS DE TEXTO" co que se pretende:

ü  Dar un segundo uso aos libros de texto que estean en condicións aceptables.
ü  Rebaixar a carga económica que sufrimos todas as familias ao iniciar o curso escolar
ü  Concienciar a toda a comunidade educativa do valor da reutilización, non só como medida para coidar o medio, senón tamén como valor social.
ü  Fomentar no alumnado o coidado dos materiais escolares.

 Este proxecto iniciarase este mes de Xuño para os libros de texto e de lectura obrigatoria do próximo curso 2013-14. Para iso, como comentabamos, é necesaria a colaboración das familias na doazón dos libros de texto que os nosos fillos e fillas non vaian utilizar e que poderán usar outros compañeiros e compañeiras nos próximos anos.

 Trátase de crear un depósito de libros sustentado polas doazóns que as familias do alumnado do IES Miraflores fagan ao ANPA. Con eles, realizaranse préstamos a outras familias para o seu uso durante un curso escolar sen ningún custo, coa única obriga de devolvelos á asociación ao finalizar o curso.

 Quen pode doar libros e que libros se poden doar?

ü  Todas as familias, estean asociadas ou non, desexen beneficiarse do programa ou non.
ü  Poderanse doar todos os libros de texto e de lectura obrigatoria do curso pasado que estean nas condicións nas que nos gustaría que estivesen os que imos recibir.

Quen pode solicitar libros?

Todas as familias, estean asociadas ou non, de todos os cursos, incluído 1º ESO

Como se efectuará a repartición?

Para recibir os libros do novo curso escolar darase certo grao de preferencia ás familias que doaron libros, aínda que non podemos asegurar a reciprocidade na mesma proporción, pois depende dos libros que teñamos do curso solicitado. Aínda así non quixeramos formulalo como un simple troco (compra-venda sen diñeiro) senón que cremos que como noutros aspectos da vida, é posible dar sen esperar nada a cambio.

Como se entregan as solicitudes?

Dentro do sobre de matrícula encontraredes información diversa da asociación e un formulario- solicitude para o banco de libros coa relación de libros do curso que deixades e a relación de libros do curso entrante. Teredes que marcar de cada lista os que nos entregades e os que solicitades. Este formulario-solicitude deberá ser entregado xunto cos libros nos días sinalados para tal fin nesta carta informativa.

Cando se entregarán e recollerán os libros?

Haberá dous momentos - Xuño e Setembro-, con dúas fases - de recepción e entrega-. Xuño para os máis madrugadores e setembro para aqueles que deban ou desexen utilizar os libros durante o verán. Estaremos presentes no salón de actos do instituto o:

ü  27 de Xuño de 10 a 13 e de 16 a 18 e 28 de Xuño de 10 a 13 para que nos entregues os libros e a túa solicitude.
ü  2 e 3 de Xullo de 10 a 13 para entregarche os libros dispoñibles.
                                                                                  Y
ü  9 e 10 de Setembro de 10 a 13 para recibir os libros e que nos entregues a túa solicitude.
ü  12 e 13 de Setembro de 10 a 13 para entregarche os libros dispoñibles.

Algo máis que saber?

ü  Todos os libros serán revisados por membros da asociación e familias que se ofreceron a colaborar, tras o cal estes pasarán a ser propiedade do banco de préstamos da ANPA.
ü  Ao retirar os libros solicitados teredes que asinar un escrito de compromiso de entrega ao final do curso dos libros recibidos.
ü  A partir do inicio de curso, o banco seguirá aceptando doazóns e tamén seguiremos entregando libros. Manterémosvos informados da dispoñibilidade de libros no blog da asociación apamiraflores.blogspot.com.es/

Como xa vos comentamos, é unha experiencia nova que esperamos fortalézase e afiance no tempo. Como en todos os inicios non sabemos de antemán a cantidade de libros que imos ter dispoñibles para o próximo curso. Non obstante, confiamos en que se vaia consolidando o sistema de préstamo de libros e en poucos anos poidamos asegurar unha circulación de libros beneficiosa para todos.

Ante todo pedímosvos xenerosidade na doazón e confianza na xestión, tanto da Xunta Directiva coma das familias que se ofreceron a colaborar. É nosa pretensión ser o máis xustos e equitativos.

Tamén queremos dar as grazas ao resto da comunidade educativa pola súa colaboración e apoio neste proxecto, na confianza de que serán receptivos  a nosa petición de manter os mesmos libros de texto máis alá do que lles esixe a lei.

Para calquera dúbida, xa sabedes que nos podedes encontrar en info@apamiraflores.es.

Esperámosvos,

XUNTA DIRECTIVA DA ANPA