AVISO LEGAL

27 maio 2014

BANCO DE LIBROS 2014

        Dende a ANPA Miguel Hernández do I.E.S. "Miraflores" queremos continuar este ano co Banco de préstamo de libros de texto usados que iniciamos o curso pasado.

        Coa creación do banco de libros pretendemos apoiar as familias reducindo os seus gastos, ademais de fomentar diversos valores como a colaboración, a solidariedade, a responsabilidade no coidado do material escolar e respecto polo medio.

        Como xa vos comentamos no inicio desta experiencia non sabemos de antemán a cantidade de libros que imos ter dispoñibles para o próximo curso, pois depende das doazóns que se realicen e do número de solicitudes que haxa. Este segundo ano, e debido á grande aceptación que tivo a edición pasada, esperamos que as doazóns se incrementen e xunto aos que xa están en préstamo, poder asegurar unha circulación de libros beneficiosa para todas as familias.

        Aproveitamos esta circular para animar as familias de 4º curso e Bacharelato (cursos dos que recibimos menos doazóns na primeira edición) a que participen deste proxecto. Tamén queremos recalcar que podedes traer libros de cursos anteriores.

        Recordámosvos que é un proxecto aberto a toda a comunidade educativa. Dende a asociación cremos que cantas máis familias se poidan beneficiar do proxecto maior será o cumprimento dos nosos obxectivos.
        Para este proxecto, ao igual que na primeira edición, precisaremos da vosa colaboración. Colaboración non só na cesión dos libros, senón tamén colaboración activa e presencial, sobre todo nas fases de recepción, clasificación e entrega dos libros. Toda pequena colaboración será ben recibida.

        Nunha próxima comunicación ampliarémosvos a información sobre fases do proxecto e datas, condicións e procedemento de petición, etc.

       Recordade que nos tedes á vosa disposición no correo apamiraflores@gmail.com

       Saúdos afectuosos

Xunta Directiva