AVISO LEGAL

27 maio 2014

BANCO DE LIBROS 2014

        Dende a ANPA Miguel Hernández do I.E.S. "Miraflores" queremos continuar este ano co Banco de préstamo de libros de texto usados que iniciamos o curso pasado.

        Coa creación do banco de libros pretendemos apoiar as familias reducindo os seus gastos, ademais de fomentar diversos valores como a colaboración, a solidariedade, a responsabilidade no coidado do material escolar e respecto polo medio.

        Como xa vos comentamos no inicio desta experiencia non sabemos de antemán a cantidade de libros que imos ter dispoñibles para o próximo curso, pois depende das doazóns que se realicen e do número de solicitudes que haxa. Este segundo ano, e debido á grande aceptación que tivo a edición pasada, esperamos que as doazóns se incrementen e xunto aos que xa están en préstamo, poder asegurar unha circulación de libros beneficiosa para todas as familias.

        Aproveitamos esta circular para animar as familias de 4º curso e Bacharelato (cursos dos que recibimos menos doazóns na primeira edición) a que participen deste proxecto. Tamén queremos recalcar que podedes traer libros de cursos anteriores.

        Recordámosvos que é un proxecto aberto a toda a comunidade educativa. Dende a asociación cremos que cantas máis familias se poidan beneficiar do proxecto maior será o cumprimento dos nosos obxectivos.
        Para este proxecto, ao igual que na primeira edición, precisaremos da vosa colaboración. Colaboración non só na cesión dos libros, senón tamén colaboración activa e presencial, sobre todo nas fases de recepción, clasificación e entrega dos libros. Toda pequena colaboración será ben recibida.

        Nunha próxima comunicación ampliarémosvos a información sobre fases do proxecto e datas, condicións e procedemento de petición, etc.

       Recordade que nos tedes á vosa disposición no correo apamiraflores@gmail.com

       Saúdos afectuosos

Xunta Directiva

25 maio 2014

ESCOLA NAIS PAIS CONCELLO DE OLEIROS

Estimadas familias,
 
O Concello de Oleiros, a través da súa concellería de Ensino e Xuventude, organiza dentro do seu programa Escola de Pais e Nais, unha mesa redonda
 
                      
                      Mércores 28 de maio 20:00h
                        Auditoria Cultural A Fábrica
 

Baixo o título “DIVERSIDADE FUNCIONAL” abordarase o tema dos nenos e nenas con necesidades educativas especiais e as distintas opcións que a sociedade ten ante si para conseguir a inclusión social destes rapaces e rapazas.


Nesta ocasión, contarase coa presenza de:
  • Don Javier Martín Betanzos, doutor en Ciencias da Educación, licenciado en Psicopegadoxía e profesor do IES Rafael Dieste de A Coruña.
  • Dona María José España, responsable do programa de emprego de Down Coruña que virá acompañada de dous rapaces que forman parte deste programa de inclusión laboral que levan a cabo desde esta entidade.
  • Don Ángel Garmendia, presidente da ANPA do colexio María Mariño de A Coruña.
Baixo estas tres visións: educativa, laboral e familiar presentarase as distintas liñas de traballo que temos ao noso alcance para acadar un sistema educativo que dea resposta á diversidade, un sistema educativo integrador.
 
Un saúdo

05 maio 2014

Becas Comedor Concello de Oleiros curso 2013-2014

Bo día,

Os informamos que saíu hoxe publicado no BOP o anuncio das becas de comedores para o curso 2013 – 2014 que oferta o Concello de Oleiros.
Achegámosvos os enlaces coa información e impresos de solicitude, para que o podades consultar.
O prazo de presentación remata o vindeiro 23 de maio e hai que presentala no rexistro do concello, sito no Centro Cultural a Fábrica
Un saúdo afectuoso,

Xunta Directiva

03 maio 2014

1º Edición Concurso de Microrrelatos sobre mi instituto.

Estimadas Familias:

Informámosvos que con motivo da celebración do día das Letras Galegas, puxemos en marcha, xunto coa colaboración da Biblioteca do Centro, o 1º Concurso de Microrrelatos sobre o noso instituto, destinado a toda a Comunidade Educativa: Pais e Nais, alumnado, persoal laboral e profesorado.

Remitímosvos as bases deste e recordámosvos que a data tope de presentación é o vindeiro venres 16 de maio.


Arriba esa creatividade
 
Esperamos a vosa participación !!
 
Un saúdo afectuoso
Xunta Directiva