AVISO LEGAL

26 outubro 2023

INFORMACIÓN AXUDAS DO CONCELLO DE OLEIROS ÁS ANPAS QUE XESTIONEN COMEDORES ESCOLARES NOS CENTROS PÚBLICOS DE OLEIROS

 

Bo día

Dado que temos moitas consultas por parte das familias socias da Anpa acerca das becas comedor, facemos unha comunicación da situación actual en relación con este tema, aínda que moitas das que asistíchedes a Asemblea do pasado día 17/10 xa coñecedes.

O Concello de Oleiros viña  tramitando dous tipos de axudas ao comedor xestionado polas Anpas dos centros sostidos con fondos públicos ubicados no Concello:

  • A Concellaría de Servizos Sociais, unha axuda completa ao servizo de comedor en función dos criterios deste departamento recollidos na Ordenanza de Medidas de Inclusión Social que se pode consultar na paxina web do Concello.

  • A Concellaría de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, unha axuda en función de determinados condicionantes que financiaba o comedor a posteriori, é dicir, implicaba o pago previo do servizo e, posteriormente, o Concello aboaba a cantidade concedida en función do cumprimento de determinados requisitos. O que se coñecía como Beca Comedor.

Estas Becas Comedor que anteriormente tramitaba o Concello de Oleiros a través da Concellería de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude deixan de existir.

No seu lugar, o Concello, propón que as Anpas soliciten unha subvención que minore o importe do comedor dos usuarios do servizo, empadroados no Concello de Oleiros e de xeito lineal, para todas aquelas persoas que o soliciten.

Temos coñecemento de que as Anpas doutros centros do Concello de Oleiros están recollendo solicitudes e documentación, pero non temos información de que exista unha base legal para esto, non hai nada publicado oficialmente polo que os prazos que manexan teñen que ser orientativos e sen validez oficial á hora de proceder a ningún trámite.

A convocatoria desta subvención aínda non foi publicada, polo que non temos unhas bases sobre as que solicitar ningunha axuda, nin sobre as que vos poidamos informar das características concretas da nova situación.

En canto teñamos nova información faremos unha xuntanza informativa.

Moitas grazas. Un saúdo.


18 outubro 2023

 OBRADOIRO PARA FAMILIAS. "A EDUCACIÓN QUE QUEREMOS: FOCO NOS/AS ADOLESCENTES"


Animámosvos a participar neste obradoiro a cargo de Carmen Vázquez de Prada Belasoaín, doutora en Psicoloxía da Educación.

Leva máis de 20 años aprendendo e traballando en diferentes organizacións no ámbito da xestión e desenvolvemento de persoas.


LUNS 23 DE OUTUBRO DE 2023 ÁS 20:00 HORAS NO SALÓN DE ACTOS DO IES MIRAFLORES


NON É PRECISA INSCRICIÓN

ACTIVIDADE ORGANIZADA E FINANCIADA POLA “ANPA MIGUEL HERNÁNDEZ”




26 setembro 2023

TÉCNICAS DE ESTUDO



A partir do vindeiro mes de novembro o alumnado de 1º da ESO participará nun obradoiro de técnicas de estudo organizado pola ANPA e impartido pola pedagoga Belén Pérez de Eleeméntal. 
 

20 setembro 2023

COMEZO CLASES DE XADREZ

 

Bo día

Neste curso poñemos en funcionamento CLASES DE XADREZ como actividade extraescolar os luns de 15.00 a 16.00. Foi a actividade maiormente elixida no cuestionario que vos pasamos coa alta na Asociación.

As clases empezarán o 2 DE OUTUBRO e terá un coste de 20  euros ao mes, subvencionando a Anpa a actividade nun 50% para os seus socios.

Se estás interesada aínda estás a tempo. Podes apuntarte no seguinte enlace:

CLASES DE XADREZ

10 setembro 2023

BENVIDA A UN NOVO CURSO

 Estimadas familias,

queremos dar, en primeiro lugar, a benvida ás que vos incorporades á comunidade do IES Miraflores.

Na páxina web do centro (https://www.edu.xunta.gal/centros/iesmiraflores/) podedes atopar a información relativa ao próximo luns, primeiro día de clase:

O ALUMNADO DA ESO DEBE PRESENTARSE NO LUGAR INDICADO ONDE OS/AS TITORES/AS DO CURSO IRÁN CHAMANDO POR ORDE DE LISTA:

- 1º E 2º ESO NA PISTA POLIDEPORTIVA CUBERTA. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA DA PISTA POLIDEPORTIVA.

- 3º ESO NA PISTA POLIDEPORTIVA DESCUBERTA. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA DA PISTA POLIDEPORTIVA.

- 4º ESO NO XIMNASIO. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA PRINCIPAL.

O ALUMNADO DE BACHERELATO DEBE DIRIXIRSE Á PRIMEIRA PLANTA ONDE ATOPARÁ NUN TABOLEIRO OS LISTADOS DOS GRUPOS ASIGNADOS A CADA UN DELES. OS/AS TITORES/AS AGARDARÁN POLO ALUMNADO NAS AULAS. ACCEDERÁN TODOS/AS POLA PORTA PRINCIPAL.

 

Unha vez recibidas as inscricións, estudamos a posibilidade de ofertar actividades extraescolares os luns de 15:00 a 16:00, dado que 32 familias amosaron interese nelas. A única actividade que, de momento, parece ter un número de persoas interesadas suficiente para que de comezo é xadrez. A actividade ten un custo de 20 euros ao mes por mozo/a pero a ANPA subvencionará o 50% da actividade. Os/as interesados/as deben cubrir o seguinte formulario antes do 17 de setembro:

https://forms.gle/jiDJgvUbhVC6Xidr5

Seguimos abertos a ofrecer calquera outra actividade viable que conte con suficientes persoas interesadas, podedes enviarnos a vosas suxestións.

Gustaríanos aproveitar a ocasión para informarvos sobre as propostas nas que estamos a traballar dende a directiva da ANPA:

- Espectáculo Opera Breaks (espectáculo que mestura Ópera, Breakdance, Beatbox e Dj) para os/as estudantes da ESO

- Taller impartido por Almas Meraki sobre PREVENCIÓN DAS VIOLENCIAS MACHISTAS E CONFLICTOS EN ADOLESCENTES para todos os/as estudantes de 4º da ESO

- Charla para pais sobre Convivencia

- Taller de técnicas de estudo para todos os/as estudantes de 1º da ESO

- Viaxes culturais

En breve recibiredes a convocatoria para a Asemblea Xeral, esperamos vervos a todos e todas entón.

Saúdos,

ANPA Miraflores