AVISO LEGAL

13 decembro 2023

BRAZILIAN JIU-JITSU

 

A ANPA vai coordinar unha nova actividade deportiva extraescolar, Brazilian Jiu Jitsu, que seránimpartidas os luns en horario de 15.00 a 16.00 hora no ximnasio do centro  a partir de xaneiro.


Realizaranse dúas xornadas de exhibición. A primeira será este luns, 18 de decembro, en horario de 15.00 a 16.00.


Aimádevos a asistir!!!!

08 decembro 2023

CONVOCATORIA DE AXUDAS ÁS FAMILIAS PARA ASISTENCIA A COMEDORES ESCOLARES

 Informámosvos que no Boletíon Oficial da Provincia nº 228 de data 29/11/2023 publicouse a Convocatoria de axudas ás familias para a asistencia a comedores escolares no curso 2023/2024.

Estas axudas son en réxime de concorrencia competitiva para as familias con menores ingresos, que deben facer a súa solicitude individualmente ante o Concello

As solicitudes deberán presentarse ante o rexistro do Concello de Oleiros no Centro Cultural A Fábrica en horario de 8.30 a 14.00 h. ou ben a través da sede electrónica no modelo normalizado incluído na convocatoria.

O prazo de solicitude remata o 15/12/2023.


Un saúdo.

MENÚ DECEMBRO




 

RESOLUCIÓN AXUDAS ÁS ANPAS PARA FINANCIAMENTO DO COMEDOR DOS USUARIOS DO SERVIZO



Con data 28 de novembro de 2023 o Concello de Oleiros acordou a concesión dunha subvención directa á ANPA Miguel Hernández do IES Miraflores 
para a rebaixa do custe do comedor ás familias socias, veciñas de Oleiros, que o solicitaron, por un importe de 5.942,84€

Os importes resultantes por alumno/a dependendo dos días de utilización do servizo son os seguintes:








28 novembro 2023

"ÓPERA BREAKS" NO AUDITORIO GARCÍA MARQUEZ DE MERA

 Onte o alumnado de 1º a 3º da ESO tiveron unha xornada algo diferente. Puideron asistir ao espectáculo "Opera Breaks" a cargo da compañía A Vella Escola e a soprano Esperanza Mara. 

O espectáculo contou cun picadiscos que recibiu moitos aplausos por parte do noso alumnado. Ademáis desfrutaron de  bailaríns de danza urbana, rap e breakdance, así como beatbox e a mistura coa ópera que fixo  que o espectáculo fora novedoso e moi adaptado ao público que encheu o Auditorio. 

Moitas grazas aos profesores e profesoras que acompañaron ao alumnado ata alí e á dirección do Instituto por aceptar esta proposta.

Deixámosvos algunhas fotos da xornada.






08 novembro 2023

CONVOCATORIA AXUDAS COMEDOR ÁS ANPAS DO CONCELLO DE OLEIROS

 


Bo día

 No presente curso escolar 2023-2024 o Concello de Oleiros vai ofrecer á ANPA a posibilidade de solicitar unha subvención destinada a diminuír o custe do comedor escolar ao alumnado usuario que o solicite a través do/a seu/súa representante legal e que estea empadroado no Concello de Oleiros.


O día 7 de novembro de 2023 comunicouse á Anpa do Ies Miraflores as condicións e prazos da antedita solicitude, mediante unha “Providencia de incoación de procedemento”, da que vos achegamos copia.


As familias socias da Anpa que queiran solicitar a mencionada axuda e que estean efectivamente empadroadas no Concello de Oleiros, deberán presentar á ANPA antes do día 13 de novembro a solicitude debidamente cuberta que se achega.


A solicitude pode ser asinada dos seguintes xeitos:

- Manuscrita: Neste caso deberá acompañarse unha copia do anverso do DNI

do/da asinante, a efectos de comprobar a súa identidade.

- Mediante sinatura electrónica (non se precisará copia do DNI).


As solicitudes á ANPA deberán ser entregadas ANTES DO DÍA 13 DE NOVEMBRO mediante o seguinte formulario:

FORMULARIO SOLICITUDE

no que debedes achegar a solicitude asinada (manualmente ou electrónicamente) así como a copia do DNI e o(s) volante(s) de empadroamento (que pode ser obtido na Sede Electrónica municipal),  no seu lugar é posible autorizar a consulta deste aspecto ao Padrón municipal, por parte do Concello.

 

En caso de non poder presentar a solicitude a través do formulario, poderedes presentar a solicitude presencialmente no seguinte horario exclusivamente:

 xoves 9 de novembro entre as 16,00 e as 19,00 da tarde

 venres 10 de novembro en horario de mañá entre as 8,30 e as 10,30h.


As solicitudes que sexan entregadas despois da data fixada non poderán ser tramitadas.




Un  saúdo,

ANPA IES Miraflores

26 outubro 2023

INFORMACIÓN AXUDAS DO CONCELLO DE OLEIROS ÁS ANPAS QUE XESTIONEN COMEDORES ESCOLARES NOS CENTROS PÚBLICOS DE OLEIROS

 

Bo día

Dado que temos moitas consultas por parte das familias socias da Anpa acerca das becas comedor, facemos unha comunicación da situación actual en relación con este tema, aínda que moitas das que asistíchedes a Asemblea do pasado día 17/10 xa coñecedes.

O Concello de Oleiros viña  tramitando dous tipos de axudas ao comedor xestionado polas Anpas dos centros sostidos con fondos públicos ubicados no Concello:

  • A Concellaría de Servizos Sociais, unha axuda completa ao servizo de comedor en función dos criterios deste departamento recollidos na Ordenanza de Medidas de Inclusión Social que se pode consultar na paxina web do Concello.

  • A Concellaría de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, unha axuda en función de determinados condicionantes que financiaba o comedor a posteriori, é dicir, implicaba o pago previo do servizo e, posteriormente, o Concello aboaba a cantidade concedida en función do cumprimento de determinados requisitos. O que se coñecía como Beca Comedor.

Estas Becas Comedor que anteriormente tramitaba o Concello de Oleiros a través da Concellería de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude deixan de existir.

No seu lugar, o Concello, propón que as Anpas soliciten unha subvención que minore o importe do comedor dos usuarios do servizo, empadroados no Concello de Oleiros e de xeito lineal, para todas aquelas persoas que o soliciten.

Temos coñecemento de que as Anpas doutros centros do Concello de Oleiros están recollendo solicitudes e documentación, pero non temos información de que exista unha base legal para esto, non hai nada publicado oficialmente polo que os prazos que manexan teñen que ser orientativos e sen validez oficial á hora de proceder a ningún trámite.

A convocatoria desta subvención aínda non foi publicada, polo que non temos unhas bases sobre as que solicitar ningunha axuda, nin sobre as que vos poidamos informar das características concretas da nova situación.

En canto teñamos nova información faremos unha xuntanza informativa.

Moitas grazas. Un saúdo.


18 outubro 2023

 OBRADOIRO PARA FAMILIAS. "A EDUCACIÓN QUE QUEREMOS: FOCO NOS/AS ADOLESCENTES"


Animámosvos a participar neste obradoiro a cargo de Carmen Vázquez de Prada Belasoaín, doutora en Psicoloxía da Educación.

Leva máis de 20 años aprendendo e traballando en diferentes organizacións no ámbito da xestión e desenvolvemento de persoas.


LUNS 23 DE OUTUBRO DE 2023 ÁS 20:00 HORAS NO SALÓN DE ACTOS DO IES MIRAFLORES


NON É PRECISA INSCRICIÓN

ACTIVIDADE ORGANIZADA E FINANCIADA POLA “ANPA MIGUEL HERNÁNDEZ”




26 setembro 2023

TÉCNICAS DE ESTUDO



A partir do vindeiro mes de novembro o alumnado de 1º da ESO participará nun obradoiro de técnicas de estudo organizado pola ANPA e impartido pola pedagoga Belén Pérez de Eleeméntal. 
 

20 setembro 2023

COMEZO CLASES DE XADREZ

 

Bo día

Neste curso poñemos en funcionamento CLASES DE XADREZ como actividade extraescolar os luns de 15.00 a 16.00. Foi a actividade maiormente elixida no cuestionario que vos pasamos coa alta na Asociación.

As clases empezarán o 2 DE OUTUBRO e terá un coste de 20  euros ao mes, subvencionando a Anpa a actividade nun 50% para os seus socios.

Se estás interesada aínda estás a tempo. Podes apuntarte no seguinte enlace:

CLASES DE XADREZ

10 setembro 2023

BENVIDA A UN NOVO CURSO

 Estimadas familias,

queremos dar, en primeiro lugar, a benvida ás que vos incorporades á comunidade do IES Miraflores.

Na páxina web do centro (https://www.edu.xunta.gal/centros/iesmiraflores/) podedes atopar a información relativa ao próximo luns, primeiro día de clase:

ALUMNADO DA ESO DEBE PRESENTARSE NO LUGAR INDICADO ONDE OS/AS TITORES/AS DO CURSO IRÁN CHAMANDO POR ORDE DE LISTA:

- 1º E 2º ESO NA PISTA POLIDEPORTIVA CUBERTA. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA DA PISTA POLIDEPORTIVA.

- 3º ESO NA PISTA POLIDEPORTIVA DESCUBERTA. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA DA PISTA POLIDEPORTIVA.

- 4º ESO NO XIMNASIO. ACCEDERÁ TODO O ALUMNADO POLA PORTA PRINCIPAL.

ALUMNADO DE BACHERELATO DEBE DIRIXIRSE Á PRIMEIRA PLANTA ONDE ATOPARÁ NUN TABOLEIRO OS LISTADOS DOS GRUPOS ASIGNADOS A CADA UN DELES. OS/AS TITORES/AS AGARDARÁN POLO ALUMNADO NAS AULAS. ACCEDERÁN TODOS/AS POLA PORTA PRINCIPAL.

 

Unha vez recibidas as inscricións, estudamos a posibilidade de ofertar actividades extraescolares os luns de 15:00 a 16:00, dado que 32 familias amosaron interese nelas. A única actividade que, de momento, parece ter un número de persoas interesadas suficiente para que de comezo é xadrez. A actividade ten un custo de 20 euros ao mes por mozo/a pero a ANPA subvencionará o 50% da actividade. Os/as interesados/as deben cubrir o seguinte formulario antes do 17 de setembro:

https://forms.gle/jiDJgvUbhVC6Xidr5

Seguimos abertos a ofrecer calquera outra actividade viable que conte con suficientes persoas interesadas, podedes enviarnos a vosas suxestións.

Gustaríanos aproveitar a ocasión para informarvos sobre as propostas nas que estamos a traballar dende a directiva da ANPA:

- Espectáculo Opera Breaks (espectáculo que mestura Ópera, Breakdance, Beatbox e Dj) para os/as estudantes da ESO

- Taller impartido por Almas Meraki sobre PREVENCIÓN DAS VIOLENCIAS MACHISTAS E CONFLICTOS EN ADOLESCENTES para todos os/as estudantes de 4º da ESO

- Charla para pais sobre Convivencia

- Taller de técnicas de estudo para todos os/as estudantes de 1º da ESO

- Viaxes culturais

En breve recibiredes a convocatoria para a Asemblea Xeral, esperamos vervos a todos e todas entón.

Saúdos,

ANPA Miraflores

27 xuño 2023

FAITE SOCIA DA ANPA!!!!!

 



Bo día familias.

Rematou o curso e xa estamos dende a Anpa pensando nas actividades do curso que ven. Dentro de pouco poderedes ler a MEMORIA 22-23 onde recolleremos todas as actividades levadas a cabo pola vosa asociación de nais e pais. 

Animámosvos a que vos fagades socias as familias que non o fúchedes en cursos anteriores e tamén ás que xa formáchedes parte da Asociación outros cursos.  Grazas á vosa colaboración é posible xestionar o comedor escolar, a festa de gradación para o alumnado que remata esta etapa, a Carreira da Luz, as actividades extraescolares, os obradoiros para estudantes en horario escolar e para familias, concursos, actividades culturais.... Moitas cousas que non serían posibles sen unha Anpa. 

Que pasedes un bo verán. Desfrutade!!!

21 marzo 2023

VOLVE A CARREIRA DA LUZ!!!!!

 Estimadas familias.

Este ano volve a Carreira da Luz na súa edición número V. 

Como sabedes a Carreira da Luz é unha iniciativa do IES Miraflores a través da que se pretende levar a cabo unha actividade deportiva onde participe o maior número de xente posible, tanto na colaboración, voluntariado para a súa preparación como na propia carreira como deportista. É importante a participación xa que é unha carreira solidaria, neste caso a beneficio da Fundación Diego González Rivas, entidade con selo galego, que ten como obxecto a investigación médica e que leva o nome do cirurxián coruñés que, dende hai máis dunha década, opera en calquera parte do mundo a persoas sen recursos e con graves enfermidades torácicas.

Como pode calquera persoa participar ou colaborar na V Carreira da Luz?
- Inscribíndose para participar na Carreira na categoría correspondente por idade.
- Facendo unha doazón voluntaria a beneficio da Fundación Diego González Rivas.

Tedes toda a información na páxina web do Instituto.

Animádevos a participar!!!




CONVERSA CON FAMILIAS

Hoxe dende o Concello propoñen a charla da que vos deixamos o cartaz informativo COMPRENDER A ADOLESCENCIA PARA EDUCAR DENE A INFANCIA  a cargo do profesional EduardoBarca Enríquez.




24 xaneiro 2023

TÉCNICAS DE ESTUDO

 



Como complemento ás sesións que a especialista BELÉN PÉREZ SANMARTÍN vai impartir en horario lectivo ao alumnado, propónsenos ás familias unha charla sobre TÉCNICAS DE ESTUDO de xeito que saibamos o que aprendeu o alumnado e poidamos botar unha man nesta parte da súa aprendizaxe.

Deixámosvos o cartaz informativo e non deixedes de acudir, resulta interesante e clarificador para resolver moitas das dúbidas e problemas que se lles presentan aos nosos fillos e fillas á hora de estudar na casa.

Un saúdo

COMEZO DE ACTIVIDADES

 



Bo día familias

En febreiro darán comezo as actividades de ORIENTACIÓN, XORNALISMO e SKATE, as máis demandadas na enquisa realizada polo alumnado.

As persoas interesadas en participar deben cubrir os seguintes formularios:

ORIENTACIÓN E XORNALISMO son actividades gratuitas e podedes inscribirvos a través deste enlace indicando o día de preferencia:

https://forms.gle/gcLbn3HxaqkgbaQ69

A actividade de SKATE terá un custo de 35 euros ó mes (inclúese o préstamo do material) e será necesarias 10 inscricións. As persoas interesadas deben cubrir o seguinte formulario   indicando o día de preferencia  :

https://forms.gle/44QrP2KVSrTaoEG48

Animádevos e animade aos vosos fillos e fillas. É un bo xeito de facer algo diferente en compañía dos seus amigos e amigas no tempo libre que teñen despois de comer.

Un saúdo.

09 xaneiro 2023

FELIZ ANO NOVO

 Bo día familias. Agardamos que tivérades unhas boas festas e que teñades un comezo de ano con moita ilusión.

O ano pasado rematamos antes das vacacións de Nadal co obradoiro de Almas Meraki para o alumnado de 4º da ESO, "Desconecta do machismo, reconecta contigo". Pensamos que foi unha boa experiencia e un espazo para a reflexión do alumnado.

Como sabedes fixemos un concurso de carteis para a publicidade desta actividade e o cartel gañador foi este que vos deixamos aquí.

Ademáis podedes ver algunhas das fotos do obradoiro con Sara Vierna.

Un pracer reflexionar con ela durante algún tempo e poñer o valor en cousas tan importantes.

Grazas ao alumnado de cuarto pola participación. 







Esta actividade foi subvencionada polo Concello de Oleiros dentro da convocatoria de Subvencións para a Promoción  e a Difusión da Cultura e o Deporte do ano 2022.